La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O venres pola mañá atopei no aeroporto de Lavacolla ao profesor Viéitez Cortizo, que me presentou ao seu colega Santiago Grisolía, ben coñecido de todos pola súa participación no proxecto do xenoma humano. Dáse a casualidade, ademais, de que este célebre sabio preside o Consello da Cultura Valenciá. Sorte para aquel país. O caso é que tiveron a amabilidade de invitarme a xantar e alá marchamos os tres ata un restaurante do centro de Santiago que, vaia por Deus, está especializado en paellas. Por suposto non cometemos a indelicadeza de pedir ese prato para el, que é da terra do arroz, pero os dous comensais galegos non renunciamos a pedilo.

Feitas as primeiras bromas ao respecto, cando as paellas estiveron sobre a mesa, o profesor Grisolía dixo que quería probar: como se un home que estivese facendo a vendima pedise uvas de merenda. Foi o primeiro trazo de humor, de sinxeleza e de cortesía dun home encantador. O resto do xantar transcorreu de maneira gozosa, non tanto pola comida, que era magnífica, como pola conversa en si.

Como verdadeiro sabio, o profesor Santiago Grisolía é un home sinxelo, educado, amable e sereno. Eu sometino a un bombardeo de preguntas sobre a súa especialidade, tan cheas de curiosidade como de imprecisión. Con paciencia, sen dar a sensación de estar aburrido, contestou a todas coa claridade dun mestre. Ao despedirnos, a sensación que levaba en min era de paz e confort.  Non sei por que os sabios, en xeral, adoitan ser así. En realidade, a sabedoría consiste niso. Os coñecementos, con ser importantes, son compatibles coa estupidez e os seus aledaños, é dicir, a soberbia, o dogmatismo… A sabedoría é outra cousa.

Esta columna publicouse orixinalmente o 23 de novembro  de 1997.