La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Na pequena localidade alemá de Dagenberg, na costa do Mar do Norte, hai unha estación metereolóxica similar a moitas outras que cobren a totalidade xeográfica daquel país. O seu director, un mestre local xubilado, gozaba dun recoñecido prestixio profesional e dunha fama non menor polo feito de que os seus partes eran dos máis escrupulosos de todos cantos se recibían na estación central e porque na localidade que tiña encomendada chovía máis que en ningún outro punto de Alemaña. Iso ata hai uns días.

Agora acaba de descubrirse que o señor Esterholz era un tramposo contumaz e que os partes que enviaba estaban manipulados. Desde hai máis de vinte anos, este home de aparencia plácida, mirada pícara e rostro vivo e xuvenil engadía uns vasos de auga no pluviómetro para manter a ficción de que Dagenberg era o lugar de Alemaña onde máis chovía.

Por esta razón acaba de ser expulsado do seu traballo e censurado de maneira oficial e pública polos seus superiores. Na súa defensa, o señor Esterholz só puido alegar que o único que pretendía era manter o nome da súa aldea no mapa, aínda que fose polo triste honor de ocupar o primeiro lugar na lista dos lugares onde máis chovía. Os seus veciños, non obstante, non o defenden. Equivócanse; nunha época en que hai tantos patriotas agresivos, o patriotismo inocente deste home merece unha estatua.

Esta columna publicouse orixinalmente o 23 de setembro de 1992.