La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Leda

A Leda, a cadela labrador, saíulle un vulto enorme nun costado, detrás da perna dereita de adiante, e houbo que levala ao veterinario. Polo visto, tiña líquido dentro e era necesario abrirle o saco para que drenase ben e evitar a infección. A intervención durou case unha hora e foi feita a pelo, é dicir, sen anestesia nin calmante de ningún tipo, a pesar de que consistiu en darlle un corte de bisturí na pel, dun par de centímetros de lonxitude, bastante doloroso, segundo a rapaza que realizou a operación. Sorprendeu me, porque é a primeira vez que me vexo nunha destas, que non atasen o animaliño, senón que mo mandasen coller a min, coma se fose un neno.

Polo que puiden observar, nin iso era imprescindible, pois a cadela estivo tranquila todo o tempo, igual que unha señora maior que fose capaz de aturar con tranquilidade as perrerías que … Seguir leyendo

Un pintor que opina

En case todas as fotografías, Miquel Barceló sae con cara de neno, por máis que xa non sexa exactamente ningún rapaz. Como moitos pintores, viste unha especie de uniforme persoal no que se percibe sen esforzo unha descoidada elegancia na elección da roupa e o calzado. É o froito desa preocupación estética e desa singularidade que con frecuencia marcan a diferenza cos demais e que, en xeral, tanto lles gustan aos artistas. Indumentaria e figura son, polo tanto, un capítulo importante na vida deste home.

Por suposto, non tan importante como os seus cadros, se un xulga polo éxito internacional que desde hai tempo acompaña a este pintor mallorquín, hoxe unanimemente eloxiado polo público e a crítica, o mesmo en París que en Nova York. Digamos a este respecto que un forma parte tamén dese grupo, é dicir, que a pintura de Barceló nos parece unhas das máis fermosas de … Seguir leyendo

Os checos

O día que chegamos a Praga, no autobús que nos trasladou desde o aeroporto ata o hotel, situado no mesmo centro da cidade, déronnos unha serie de informacións sobre o país. Entre outras cousas dixéronnos que, en xeral, os checos non eran demasiado amables. A min non me gusta que a xente, aínda sen mala intención, como era o caso, fale de “os checos”, “os alemáns” ou “os españois”, porque iso non existe. Hai simplemente checos, alemáns e españois, o cal significa que baixo a citada categoría se agrupan persoas de todos os tipos.

O outro día, mentres paseabamos pola cidade, batemos de fronte cun barrendeiro pequeno e gordo que se puxo a despotricar en voz alta contra nós, quizais porque se sentía incordiado no seu traballo, e berraba ademais nun ton desagradable, como se ladrase. Por uns instantes veume á cabeza a idea de que, tal como nos advertiran, … Seguir leyendo

O sinal dun aventureiro

Teño un parente en Suecia que levaba tempo buscando a tumba do seu pai, morto en Suíza hai xa bastantes anos. O morto foi un grande aventureiro. Durante a Segunda Guerra Mundial, cando era piloto da RAF, foi abatido polos alemáns, pero conseguiu saltar en paracaídas, con tanta sorte que, ademais de salvar a vida, caeu nun xardín do sur de Suecia, nunha casa onde vivía unha rapaza loira, rica e bonita. Daquela unión, que acabou en divorcio, naceu un rapaz, o mesmo que andaba buscando a tumba daquel home.

Atopouna hai uns meses, por casualidade, nun fermoso cemiterio, á beira do lago Leman, nas aforas de Lausana. Non era máis que un montonciño de terra e unha cruz de madeira caída no chan, sobre a que puña simplemente Quigly. O fillo regresou a Suecia, encargou unha lápida e volveu a Suíza para depositala no seu lugar.

Cumprido o obxectivo, … Seguir leyendo

Pensar

Dicía un cura de Ourense, profesor de Relixión alá nos anos cincuenta, que o verán era o inverno das almas. Supoño que se refería a aqueles pecados que había antes, relacionados coa pouca roupa que levaban as mulleres, maiormente nas mangas, porque no resto andaban acoirazadas. Os homes, en cambio, non tiñan ese problema, pois a parte de que os seus brazos nunca foron obxecto de concupiscencia, que se saiba, utilizaban sempre pantalóns. Agora hai tempo que cambiaron as cousas e os pecados cométense durante todo o ano. Nisto ocorreu o mesmo que sucedeu cos xeados, que se comen incluso no mes de xaneiro, cando vai frío.

Onte comentaba eu aquí iso que sucede cos tolos nos días de vento e cos paxaros nos días de calor forte. Penso que había que engadir outro dato máis, ou sexa, que o verán pode ser unha época excelente para vivir, pero non … Seguir leyendo