La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Non recordo se teño contado aquí as vicisitudes polas que atravesou a banda de música da miña vila, que foron desde o feito de que non sabían tocar andando porque o seu primeiro director, don Pedro el Cruel, era coxo e ensaiaba cos músicos sentados, ata o escándalo de ter que disolver a agrupación pola simple razón de que os seus compoñentes comían tanto que acabaron por non seren contratados en ningún sitio. Como se sabe, os membros das bandas eran acollidos nas casas do lugar onde se celebraba a festa.

De maneira que, durante a miña infancia, nos festexos de verán traían sempre bandas de fóra. Eu recordo como habituais a de Alongos e a Lira de Ribadavia. Tocante a números fortes, gardo na memoria a lembranza dunha banda militar de León e unha portuguesa de Chaves, esta última creo que formada por bombeiros voluntarios.

Esa é a razón, quizais baseada na nostalxia dun ben perdido, de que as bandas de música fosen recibidas na miña vila sempre con entusiasmo e que os concertos da praza maior xuntasen moitísima xente. Algo parecido ao que vin onte pola mañá pasando por Coruxo. Chegaban os músicos para a festa e había grande expectación na rúa. A maioría deles ían andando, cos instrumentos na man, pero aos bombeiros levábannos nun tractor. Gordos e colorados, solemnes, ían tan felices coma se marchasen en carroza.

Esta columna publicouse orixinalmente o 12 de agosto de 1997.