La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Non direi o seu nome por varias razóns. Primeiro, porque non lle gardo rancor; segundo, porque a vinganza non me produce pracer; terceiro, porque no fondo lle teño que estar agradecido. Estou falando dun antigo compañeiro de estudos que tiña estatuto oficial de santo: era modoso, rezaba na capela cos ollos cravados no sagrario e non falaba nunca nas filas. Por se fose pouco, mantiña conversas piadosas no recreo, evitaba a murmuración e estudaba moitísimo. Loxicamente, levaba a insignia dos alumnos modelo.

No fútbol, xogabamos en equipos contrarios. El, de defensa; eu, na dianteira; el, con vinte centímetros máis de altura e a proporción equivalente en músculos e peso; eu, menos. Se a estas vantaxes da natureza lle engadimos mal xenio, cólera e rabia, como resultado temos un túzaro. En verdade, así era aquel querubín.

Desde entón, non se me despistan facilmente. A primeira vez que vin o senador Gingrich na televisión, intuín que pertencía a esta raza. Non me sorprendeu coñecer despois que o campión da nova moral, antes fora porreiro e lector de pornografía. Agora estréase como novelista. Na lapela do seu libro, como propaganda, aparecen dúas frases eloxiosas dos seus reputados periodistas. Cun pequeno detalle: no seu día foron escritas contra el: agora convertéronse no contrario. Bastou con quitarlles algunhas palabras polo medio.

Esta columna publicouse orixinalmente o 25 de maio de 1995.