La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Tiña eu un compañeiro en Santiago, na miña época de estudante, que de cando en vez me regalaba libros. Eran exemplares que non estaban ao alcance das miñas posibilidades económicas, pero que case sempre ocupaban o centro dos meus desexos. Nunca souben o motivo daquel proceder tan xeneroso, aínda que supoño que algo tiña que ver co afecto e a amizade. É certo que a el non lle resultaban caros: descosera o forro dun gabán e alí mesmo os metía coa arte consumada dun golfo audaz e destemido.

O domingo pasado falamos do asunto nun encontro de amigos. El, que conserva intacta a graza descarada da mocidade, deu detalles que eu non sabía. Nunha ocasión, ademais de levar tes libros, antes de saír, aínda se atreveu a pedirlle un cigarro ao libreiro, que llo deu cun sorriso, o cal fixo que o pillabán se sentise un cínico.

Animados pola sinceridade rachada do pecador, cada un dos presentes acabou por confesar as súas experiencias na materia, unhas accións que, por suposto, contaban coa correspondente cobertura ideolóxica: decomisos revolucionarios para uns; rescates, para outros; préstamos sine die, para os máis tímidos. Despois de falar daquelas historias, inevitablemente rematamos falando do que fala hoxe todo o mundo: a moral, xa se sabe. Gustaríame saber describir con arte o sorriso coñón do meu amigo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 7 de maio de 1994.