La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Unha persoa que insultaba moi ben era Julio Camba, aquel célebre periodista galego, enxeñoso e vago, que pasou unha gran parte da súa vida metido na cama dos hoteis de medio mundo. Tiña unha lingua tan afiada e maligna como a pluma que empregaba para escribir, un artefacto que mollaba na tinta dunha intelixencia incisiva e prodixiosa, sempre elegante. Nunha ocasión, para rebaixar a Valle-Inclán, que temía fose o seu rival na disputa por unha hipotética embaixada, dixo del que era tan inútil que non sabía nin pedir unha troita en francés.

Cando lle foron co recado a don Ramón, este recoñeceu que efectivamente non sabía como se dicía a palabra troita en francés, pero que se a República o nomeaba para a  embaixada de París, o problema tiña fácil solución: designar ao mesmo tempo como cociñeiro o propio Camba, que podía ir polas mañás ao mercado, adquirir o citado peixe e outros produtos de comer, e cociñalos logo para o embaixador.

Hai tres ou catro periódicos en Madrid que estes días se converteron nunhas máquinas desaforadas de insultar, pero sen enxeño, esa cortesía da intelixencia que nunca pode faltar cando un se ve obrigado a circular pola rúa vestido en panos menores. Privadas deste requisito, as plumas convértense en navallas e as críticas acaban parecéndose a esas pelexas de praza de abastos onde as mulleres non coñecen recurso máis eficaz que chamarlle putas ás veciñas e os homes acaban sempre acusando de maricóns aos seus contrincantes.

Esta columna publicouse orixinalmente o 6 de maio de 1993.