La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Cando a coroación do Papa Xoán XXIII, un veciño da miña vila que seguía a cerimonia no televisor do Casino, dixo en voz alta que ó novo pontífice lle ían colocar a «piara» na cabeza. Non se trataba dun acto de anticlericalismo, senón de ignorancia, pois o que aquel home quería dicir, como é fácil supoñer, era que lle ían poñer a tiara. Non resultan infrecuentes estes disparates na vida privada e todos coñecemos casos do estilo de quen confunde «pedestal» con «pedernal » ou raios «catódicos» con «católicos». Tampouco son raros estes deslices na vida pública, como o célebre «doceavo» de Solana ou o «candelabro» dunha coñecida modelo.

Non poden considerarse sempre mostras de ignorancia, pois ás veces non deixan de ser simples confusións ou nerviosismos. Coñezo a un señor, por exemplo, que di «cápsula» cando quere dicir «cláusula». Coñece perfectamente a diferenza, pero no momento de pronunciar a fatídica palabra éntralle un pánico invencible e acaba metendo a pata.

Eu nisto son indulxente porque nunha ocasión, cando ía á escola, atrevinme a corrixir un libro de texto que falaba do aniversario da morte de José Antonio Primo de Rivera, cando me parecía que o correcto tiña que ser «universario». Así o escribín, emendando o «a» e tratando de que parecese un «u», para escándalo de meu pai, que me chamou ignorante e atrevido con toda razón. Por iso, cando hai un par de días, falando cun veciño que se dedica a alquilar pisos, me dixo que non era bo negocio porque os «alquilinos» crean moitos problemas e son cada vez máis esixentes, entendín a súa postura. Despois de todo, que un inquilino se chamase «alquilino» non estaría tan mal.

Esta columna publicouse orixinalmente o 19 de abril de 2000.