La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O outro día, cando estaba en Ourense, mentres falaba cun amigo na rúa, pasou un individuo extremadamente delgado e pálido, con aspecto de enfermo, aínda que vestido de forma moi correcta. Era pequeno e non creo que pesase máis de corenta quilos. Eu fixen un comentario sobre a saúde do señor, que me pareceu digno de lástima. O meu amigo, non obstante, quitoume de dúbidas e díxome que non pasase pena por aquel home, que fora sempre así e que non se me ocorrese invitalo a comer, que me arruinaba.

Deume a risa, máis que nada porque sempre tiven a filosofía de que as persoas e as cousas case nunca son o que parecen, senón mais ben todo o contrario. Non é que todos os fracos sexan grandes comellóns e que os gordos se alimenten do aire, pero a realidade non anda moi lonxe desa aparente contradición.

Así era, por exemplo, aquel famoso don José Sánchez Rojas, un periodista que andaba por Madrid antes da guerra e que se caracterizaba por cheirar horriblemente mal, porque non se lavaba, e por comer dunha maneira insaciable, sempre á moca, pois non tiña un peso. Polo aspecto, delgado como un asubío, ninguén diría que zampaba o que zampaba. Unha noite andou varios quilómetros a pé só porque un amigo seu, Antonio Rodríguez de León, lle prometeu que, se o acompañaba, lle tiraría un chourizo pola ventá.

Esta columna publicouse orixinalmente o 10 de abril de 1996.