La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai moitos anos, alá polo outono de 1976, o profesor Díaz e Díaz, da Universidade de Santiago, xuntounos a un grupo de escritores galegos para que nos puxésemos a imaxinar como ía ser Galicia no ano 2002, unha data que entón nos parecía moi lonxana, polo menos a min, pero que agora está a punto de chegar. De cantos participamos naquel simpático divertimento, a maioría (Cunqueiro, Ramón Piñeiro, Celestino F. de la Vega, Xosé María Álvarez Blázquez, Luís Seoane) xa non viven. Os que quedamos, e que entón eramos uns rapaces, vivimos tempo dabondo para decatarnos do difícil que é adiviñar o futuro. Nada do que imaxinamos se cumpriu.

Ignoro por que estraña razón, ultimamente hai moita xente que me fala daqueles encontros, pois o que alí dixemos foi recollido nun libro. Eu volvino repasar estes días e, se non fose pola nostalxia ao recordar a tantos e tan bos amigos, aínda agora estaría  rindo. Menos mal que non acertamos en case nada, que se non, aviados iamos estar.

Como se non me chegase para escarmentar con aquela experiencia (tan agradable por inútil, por outra parte), onte pasei o día metido en Mondariz con outro grupo de amigos, convocados por Bieito Ledo e a editorial Ir Indo para pensar sobre a Galicia do 2020. A cifra non é fea, pero carece da maxia da anterior, cando aínda coidabamos que o século XXI sería unha especie de mundo futurista parecido ao que se pinta na célebre novela de A. Huxley. A diferenza está en que nesta ocasión non se trataba de imaxinar, senón de reflexionar, que é moi diferente. A min, en xeral, gustoume o que escoitei, que me pareceron cousas intelixentes e moi atinadas, pero non dixen case nada por se acaso.

Esta columna publicouse orixinalmente o 9 de abril de 2000.