La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Escribo desde Bolonia, unha cidade que visito todos os anos por razóns relacionadas co mundo dos libros. Nestes momentos, o cansazo empeza a adormecerse na pel en forma de soño, despois de pasar o día enteiro mirando toda canta publicación para rapaces se fai no mundo. En xeral, nada novo: nin dinosauros, que xa pasaron de moda, nin bruxas, nin vampiros, hoxe  esquecidos. Os que esperaban que nesta ocasión houbese unha invasión de anxos, equivocáronse; da nova afección non chegou case nada.

Hai un momento aínda, cando volvía para o hotel coa idea de tomar un breve descanso, entrei na catedral. As igrexas seguen sendo lugares magníficos para illarse do ruído e recuperar a calma. O que non esperaba era encontrarme co ensaio dun espectáculo relixioso, medio ballet medio teatro, incluída unha danza.

Chamoume a atención que as mozas que bailaban sobre o escenario levantado no medio do templo, fosen descalzas. A verdade é que o movemento dos pés espidos tiña unha graza suave e lixeira, como de bolboretas. Mentres miraba, acordeime que hai anos, estas cousas eran pecado, creo ademais que con razón, o cal non quere dicir que fosen malas: os pés femininos espertaban noutras épocas auténticas paixóns, verdadeiros entusiasmos. Polo que a min respecta, confeso que saín da igrexa bastante reconfortado.

Esta columna publicouse orixinalmente o 8 de abril de 1995