La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Nunha fotografía que publicaban os periódicos de onte víase a dous rapaces moi novos en Moscova, atendendo un mercado na rúa. Sobre un par de mesas de praia cubertas cuns panos de aparencia antiga, tiñan perfectamente colocados, nunha orde case emotiva e candorosa, toda a mercadoría, entre outras cousas algo que parecía unha gramola de manivela, daquelas que empezaban a setenta e cinco revolucións por minuto e remataban a dez ou doce, distorsionando as voces cun efecto cómico que era sempre a delicia dos nenos.

Na parte de atrás, pendurados dun muro de cemento, tres retratos de Lenin, un de Stalin e outro do camarada Breznev. Polo que se podía deducir, as fotografías non formaban parte do decorado do chamaril, senón que estaban alí por se alguén as quería mercar. Son os restos da revolución, que polo menos aínda serven para que un par de mociños poidan gañar uns rublos e comer logo algo quente.

Ao contemplar aquela foto, veume á cabeza a imaxe dun amigo comunista que un día chegou fuxindo ata a casa dos meus pais, onde a miña nai o escondeu a cambio de que el lle permitise facer algunhas recomendacións sobre a salvación da alma. Na súa vida, este home recibiu golpes, foi torturado, perdeu o traballo… Ao ver agora os seus soños convertidos en mercadorías de a cadela, igual que os figos e os cacahuetes,  danme ganas de comprar unha foto de Stalin, por quen sinto noxo, e colgala no meu cuarto. É que lle quero ben ao meu amigo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 7 de abril de 1993.