La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

De Venecia vin a Boloña en coche, unha viaxe pola autoestrada que non dura máis dunha hora. O tempo é bo, non moi caloroso, pero soleado e agradable, ao revés do que sucede en Galicia, segundo me contaron por teléfono. Esta mañá, antes de vir para aquí abaixo, pasei polo aeroporto. Había unha presenza destacada da policía, cunha serie de homes e mulleres fornidos situados en fila, facendo un corredor, armados con porras e con cascos. Daba a impresión de que agardaban a chegada dalgún dignatario.

Por satisfacer a curiosidade andei indagando e souben entón que se trataba dun problema de orde pública: os partidarios do equipo de fútbol do Chelsea, que viña xogar un partido con non sei que club italiano. Como os afeccionados británicos teñen mala fama en toda Europa, alí estaba a policía polo que puidese pasar.

Vin baixar os fans, atravesar andando os metros que os separaban dos autobuses e meterse dentro deles en silencio, sen armar barullo. Se non se me toma a mal, direi que, en xeral, tiñan unha pinta rara, con caras que non recordaban a Einstein precisamente. Abundaban os gordos, de barriga traballada pola cervexa, rapados ao cero, con pendentes nas orellas, tatuados e sen equipaxe. Pensei que unha visión así era unha boa preparación para gozar con máis intensidade aínda das marabillas que hai que ver neste país.

Esta columna publicouse orixinalmente o 3 de abril de 1998.