La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte, despois de pasar varias horas no Salón do Libro entre escritores, editores, tradutores, fotógrafos, libreiros, curiosos e a inevitable cota de pesados que sempre aparecen, decidín que era bo volver ata o hotel e descansar un pouco antes de iniciar o periplo vespertino cos meus colegas de letras, entre os que abunda a golfería noctámbula. Así que me retirei do barullo durante un par de horas co propósito de reparar forzas e acometer a noite con garantías de non converterse un nun calvario e nun aburrimento para os demais.

Algún tempo despois, co corpo restaurado, baixei ata o vestíbulo, onde tiña cita cos compañeiros. Como aínda me sobraba máis de media hora, aproveitei que estou ao lado do cemiterio de Montparnasse para dar un paseo entre as tumbas de tantos poetas, artistas e escritores. Fíxeno noutras ocasións e sempre resulta agradable.

Primeiro funlle facer unha visita a Sartre e Simone de Beauvoir, que están mesmo na entrada. Logo achegueime ata a campa de Baudelaire e por último detívenme a recordar a Julio Cortázar. Non me quedou tempo para pasar por diante de César Vallejo porque non me quería ir sen renderlle unha pequena homenaxe a Alfred Dreyfus, o capitán xudeu que a fins do século pasado foi publicamente humillado a causa dunha acusación falsa e inxusta. A el xa non lle serve de nada, pero a min aínda me vale de moito.

Esta columna publicouse orixinalmente o 19 de marzo de 1995.