La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estou vendo o Vinculeiro, aquel carballo de home, forte como un boi, coa voz escura e cavernosa dos tumbalobos, traballada en pedra por anos e anos de adicción matutina á augardente do país. Tíñase que agachar para entrar polas portas; sentado, parecía un home normal posto de pé. Durante anos, pensei que era un xigante como os que saían nos contos e fun sentindo por el moita admiración e algo de medo, aínda que nunca cheguei a consideralo un paparrapaces, que era o que del pensaban algúns dos meus amigos.

Naturalmente, o Vinculeiro tiña lenda. Da súa estancia en Cuba contábanse cousas tremendas: abrira en dous cunha navalla a un negro chulo, fixera vinte fillos bravos noutras tantas negras e mulatas, arrastrara un home atado ao rabo dun cabalo, e el só, sen axuda de ninguén, nada máis que coas súas mans, desfixérase de cinco criminais armados que lle saíran ao camiño ao amo para o cal traballaba.

Un ano, o Domingo de Ramos pola mañá, armouse un alboroto monumental no adro. A pelexa, como sempre, era entre os mozos de Sabucedo e os do Toxal. Ao soar os primeiros paus sobre as cabezas dos contendentes, eu busquei polo alto a figura lanzal do Vinculeiro. Estaba nun recuncho, claramente separado do follón. Durante uns instantes despreceino por covarde; pero de pronto foise cara ao lugar do lío, situouse no medio e medio da batalla e púxose a berrar con voz de trono: “Ou parades vós, ou empezo eu”. Acabouse.

Esta columna publicouse orixinalmente o 11 de marzo de 1993.