La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estes días, falando de Xinzo de Limia, aludín a tres matadores de touros nacidos na localidade e que participaron nas corridas que se celebraban na praza da vila, situada no campo da Seara. A dous deles citeinos polas súas nomeadas respectivas: o Genaro Minumé e o Paco Legaña. Nunca souben por que lles chamaban daquela maneira. En todo caso, poñerlles alcumes á xente era práctica normal, da que case ninguén se libraba. Supoño que se podería confeccionar un libro con eles, igual que aquel que escribiu Xosé Ramón e Fernández-Oxea, máis coñecido por Ben-Cho-Shey, sobre os alcumes da cidade de Ourense.

En Xinzo, había algúns que resultaban curiosos. Por exemplo, o dun señor que tiña unha taberna, se mal non recordo, na estrada de Lamas, e a quen lle chamaban o Cero Quince, ignoro por que razón. Aquela nomeada emparellaba ben con outro señor, propietario dun dos mellores cafés da vila, a quen todo o mundo coñecía como Seis Reás.

Non eran insultos, senón nomes propios, tan lexítimos como os orixinais, que a maior parte da xente empregaba con naturalidade, sen propósitos ferintes. Iso sucedía incluso con nomes que orixinalmente non deberon ser moi gloriosos, como o de Roncollo, palabra coa que, como se sabe, se designa en galego os animais que teñen un único testículo. Finalmente, os propietarios ou os seus descendentes acababan por aceptar eses nomes espurios. Eu recordo unha vez que ía pola rúa cunha amiga, a quen pararon dúas rapazas, antigas compañeiras de clase, que non conseguían que a outra as recordase polos seus nomes. Ata que unha dixo: “Sí, mujer, somos hijas del Hinchavacas.

Esta columna publicouse orixinalmente o 12 de febreiro de 2000.