La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Un fenómeno da natureza

Hai cinco ou seis anos, os periódicos publicaron un desmentido sorprendente: non era certo que un neno chinés fose capaz de ler coas orellas. A noticia aparecera uns días antes, apoiada pola autoridade dun vídeo no que se vía o rapaz facendo unha exhibición das súas facultades. Finalmente, todo resultou ser unha fraude dos pais, uns campesiños pobres que só pretendían gañar un pouco diñeiro. Desa maneira, nin resolveron os seus problemas económicos nin enganaron a ninguén: acabaron no cárcere.

Agora leo que en Armenia hai un señor do tamaño dunha mosca, é dicir, que ten a feitura exacta dun home, pero que non mide máis que uns milímetros. Se o individuo vivise nun domicilio coñecido, todo estaría máis claro. Pero non é así, pois aseguran que o levaban uns ambulantes, metido nun frasco, na raia con Turquía.

A min, un home coma ese, gustaríame velo. Non tanto polo morbo … Seguir leyendo

O Anxo da Garda

En Italia, nunha aldea próxima a Cosenza, no sur do país, a unha nena de cinco anos saíronlle uns vultos nas costas, un de cada lado. Antes de que os médicos tratasen de explicar a que se debía ese feito, unha veciña empezou a dicir que as tales excrecencias non eran doutra cousa que ás e que a meniña era un anxo. Naturalmente, deseguida apareceron devotos para ver a criatura celestial, que de momento, deixando a un lado a circunstancia de que teña esa particularidade nas costas, compórtase como unha nena calquera.

Hai poucos meses aínda, un profesor americano da universidade  de Minnesota, nos Estados Unidos, publicou un traballo polémico sobre o número de anxos existentes. Baseándose en estudos bíblicos moi rigorosos, chegou á conclusión de que son poucos, atrevéndose a adiantar unha cifra próxima aos trinta e cinco mil.

Como se sabe, os anxos están de moda en todo … Seguir leyendo

Amor

Cando eu era estudante en Santiago tiña un amigo moi revolucionario e bastante golfo. Isto último non o digo porque levase ningún tipo de vida disoluta, senón porque me daba a impresión de que non amaba a humanidade tanto como el dicía ou pensaba, senón que máis ben odiaba a medio mundo: os capitalistas, os curas, os americanos, a De Gaulle, a Santiago Carrillo (o meu amigo era partidario dos chinos), os profesores, o Real Madrid e a selección nacional de fútbol (el volvía polos portugueses, incluso cando xogaban contra España). O que nunca entendín é por que trataba tan mal a rapaza que nos facía a limpeza.

Aquel mozo era como unha amiga da miña nai que facía novenas para que lle tocase a ela a lotería e poder repartila cos pobres, en vez de rezar para que lle tocase xa aos pobres ou para que estes non existisen. … Seguir leyendo

Lamas, nos periódicos

En Lamas, unha aldea próxima a Xinzo de Limia onde eu pasei longas tempadas na miña infancia, nunca sucederon grandes cousas. Que eu recorde, na historia local, un dos acontecementos máis importantes foi a chegada dos franceses cando a Guerra da Independencia. Segundo a tradición, meteron os cabalos na capela e fixeron algunhas barbaridades, entre elas o intento de roubar unha pequena imaxe de madeira, que eu vin moitas veces e que aínda debe andar por alí, coñecida polo nome de O Xerelo.

Outras historias dignas de destacar son o rumor que se correu nunha ocasión, que xa citei aquí, de que no lugar da Manga, un día de tronada con pedrazo, caera un home espido desde o ceo, ou a festa que se organizou cando o Leonardo se empeñara en voar cunhas alas de palla, unha loucura que acabou en chirigota.

Tamén houbo algunha morte violenta sonada e algúns … Seguir leyendo

O pobo soberano

Estes días das festas estiven lendo unha historia de crimes famosos, literatura que sempre me entretén. Mesturados con eles, incluíanse tamén algúns atentados, como a bomba contra o xeneral Martínez Campos, que lle tirou un tal Paulino Pallás, un alucinado de vinte anos, o cal, despois de lanzar a dinamita, púxose a berrar: «¡Fui yo! ¡Fui yo!»; ou a masacre do Liceo de Barcelona, no mesmo ano de 1893, cando outro tipo delirante, un tal Santiago Salvador, matou a dezaoito persoas polo pecado de seren burguesas, ou sexa, por asistir á representación dunha ópera. Con frecuencia, a estupidez causa mortes.
Tamén estiven lendo a historia do Crimen de la Calle de Fuencarral. Ademais do suceso en si, que consistiu no horrible asasinato dunha señora por parte da criada, o máis interesante foi o que se descubriu. Resulta que o fillo da morta, un tal Varelita, a quen quixeron complicar … Seguir leyendo