La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Non recordo en que libro de Álvaro Cunqueiro se fala dun personaxe que por calquera cousa, se tiña que xurar, cagábase en Weyler. A primeira vez que eu me atopei co escritor, alá polo verán do ano 1964, en Vilagarcía, falando dese asunto dixo que non era o único, pois na súa época de estudante coñecera un vello de Lugo que facía o mesmo pero con máis elegancia: “Me cago en don Valeriano Weyler y Nicolau”. Polo  visto, este vello lugués chegara a pelexarse sañudamente cun viaxante de comercio por culpa do xeneral.

Unha das persoas que asistían á conversa, Xusto García Quirós, dixo que el non sería capaz de pelexar por Weyler, pero que no instituto se batera a labazadas cun compañeiro que se atrevera, sabendo que el era carlista, a escribir debaixo do retrato de don Carlos María Isidro dúas palabras infamantes: “Rei Cuchufleta”.

Mirando con cara de asombro, Cunqueiro dixo que non había unha soa causa histórica capaz de xustificar unha liorta, pero menos un rei carlista, que era unha entelequia. Sospeito que isto non lle debeu facer moita graza ao noso amigo, pois deu media volta e apartouse do grupo, irritado por aquela ofensa á súa dinastía. Parecueme unha irritación admirable e fidalga, inútil e fermosa, ben distinta da furia antipática deses fanáticos que hai uns días quixeron botar abaixo o goberno de Israel por pretendidas ofensas ao rei David.

Esta columna publicouse orixinalmente o 22 de decembro de 1998.