La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Alá polos anos sesenta había en Ourense un grupo de amigos que xogaban ás cartas todos os días á hora do café. Un dos xogadores tiña bastante bo naipe, o cal producía irritación nos demais, especialmente nun deles, que era vehemente e colérico. Un día, despois dunha xogada, este último díxolle ao da sorte que se volvía gañar unha partida lle pegaba un tiro alí mesmo. Chegado o momento, sacou unha pistola do peto interior da chaqueta, apuntoulle ao medio do peito e disparou sen dubidalo.

O outro, cando escoitou a detonación e viu que aínda seguía con vida, pensou que morrer non era tan repentino como tiña imaxinado. Con angustia, esperou que pronto se lle varrese a vista, pero non acababa de comprender por que tardaba tanto en caer ao chan. Aínda non se decatara de que era unha broma.

Leo agora nos periódicos que ese dobre homicidio que se produciu hai uns días en Ourense puido ser o resultado dunha broma parecida. Ignoro se a explicación é o argumento defensivo que se lle ocorreu a un avogado ou se realmente se corresponde co sucedido. Entre nós dáse con frecuencia esa graza gorda que consiste en burlarse dos demais, pero que nunca se atreve a burlarse de si mesmo. Supoño que isto debe ser así porque un sentido do humor tan salvaxe levaría a moitos bárbaros ao suicidio.

Esta columna publicouse orixinalmente o 7 de novembro de 1993.