La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte pola mañá, ao pasar pola praza de Colón, en Madrid, vin unha pintada que me chamou a atención. Non recordo todos os detalles, aínda que si os máis importantes. Non recordo, por exemplo, o nome do grupo contra quen estaba feita, o cal, por outra parte, non me dicía nada. Supoño que se debía tratar dalgunha banda urbana, desas que remedan pandillas estranxeiras, pois levaba a denominación en inglés. Recordo, en cambio, os insultos, que eran os previsibles, nada orixinais polo tanto, co – mo adoita suceder.

O máis interesante era o final, que dicía exactamente: “¡Fuera de mi plaza!” Polo trazado nervioso da letra, gorda e compulsiva, pintada en azul, podíase adiviñar a furia que invadía ao autor no momento da protesta. Pareceume que había máis mensaxes, pero quedaban lonxe e non conseguín lelos a distancia.

No momento en que eu atravesaba a praza era aínda cedo.  Non vin por ningures a ningún rapaz con cara de propietario do recinto. Os viandantes camiñaban en todas as direccións, con liberdade, ignorando probablemente que aquel espazo pertencía a alguén que non toleraba a presenza naquel lugar de xentes ás cales consideraba inimigas e invasoras. Por un instante pasoume pola cabeza se eu podía ser unha delas. En todo caso, non me preocupou. Seguro que, a aquelas horas, o dono estaba durmindo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 6 de novembro de 1996.