La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

En París acaban de abrir un restaurante onde se pode comer de todo, é dicir, os pratos máis raros que se preparan en calquera parte do mundo. Por exemplo, para falar de cousas miúdas,  dispoñen de fritos de formigas, arañas, saltapalletas e vacalouras. En cuestión de aves, ofrecen desde as máis acreditadas na cociña occidental, como as perdices, ata as máis extravagantes e menos apetecibles, como os morcegos. En materia de cuadrúpedes, poñen asados de can e estofados de gato, amais de sesos de mono.

Unha das características deste restaurante universal é que todos os pratos que se ofrecen na carta proceden da tradición culinaria dalgún país. Non hai, polo tanto, nada inventado e coa comida serven, como certificado de garantía, un breve folleto onde se explica a procedencia gastronómica da comida elixida. Por suposto, se un non quere ser atrevido, tamén pode comer un linguado á prancha.

No citado folleto, aparecen escritores de todo o mundo facendo o eloxio das respectivas cociñas nacionais. Se lles facemos caso, o mellor está, por suposto, na leira particular de cada un. O mesmo fervor que puña Álvaro Cunqueiro para defender a singularidade dos trinta e tres sabores da cachucha do porco galego, póñeno outros para resaltar as delicias da cobra e o lagarto ou a delicadeza do chourizo feito con lombiños de serpe. Para defender as marabillas da propia tribo calquera cousa se converte nun tesouro, mesmo un rato.

Esta columna publicouse orixinalmente o 2 de novembro de 1992.