La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

A Guerra do Golfo foi quizais a guerra máis formidable de toda a Historia, se entendemos este adxectivo no seu significado orixinal latino, é dicir, pavorosa ou horrible. Tamén foi formidable no sentido que adquiriu esta palabra modernamente como sinónimo de cousa grande ou magnífica, isto se pensamos na perfección tecnolóxica e electrónica despregadas polos americanos ao servizo das súas máquinas, especialmente avións invisibles, bombas intelixentes, mísiles atrapa-foguetes e helicópteros de combate.

Todos vimos na televisión, como se fose un xogo de nenos monstruosos, as cruces que sinalaban o branco e a súa destrución posterior. Resultaba difícil non deixarse enganchar pola maxia infantil daquelas batallas de marcianos, esquecéndonos case por completo de que cada vez que na pantalla facía pun, alá abaixo, na realidade invisible que ocultaba a distancia, había xente que morría rebentada.

Agora, o señor poderoso que entón puxo en marcha aquela maquinaria invencible enfróntase a un poder infinitamente superior a aquel, o da opinión pública americana. Por moito que Bush sexa aínda o xefe do exército máis forte do mundo, de nada lle vai servir se os seus compatriotas deciden baixalo do lugar onde antes o puxeron. Para evitalo, como se fose un neno, Bush entretense furgando na vida privada da nai de Clinton, pero as máquinas de averiguar esas cousas, afortunadamente, aínda non funcionan moi ben.

Esta columna publicouse orixinalmente o 25 de outubro de 1992.