La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai anos, un empresario da construción da miña vila ao que non lle ían moi ben os negocios, un día desapareceu de súpeto, sen que ninguén soubese onde andaba metido, ata que por fin, unha semana despois, chegou a noticia de que se tirara desde a ponte Salazar, en Lisboa.  Aínda que falei algunhas veces con el, non tiña unha idea moi clara de como era, por máis que me parecía algo charlatán e un pouco lareta. Non obstante, aquel xesto final, dramático e definitivo, deume a impresión de que servía para redimir toda unha vida.

Foi o último suicida que se produciu na miña vila por cuestións relacionadas cos negocios. Despois del, recordo que houbo unha tempada na que algúns individuos abafados polas débedas tomaron a decisión de desaparecer e perdéronse para sempre nalgún recuncho imposible de calquera país da América do Sur.

Isto de fuxir carecía da épica do suicidio, pero aínda conservaba unha certa auréola romántica e viaxeira, cos ingredientes nobres que se dan en toda aventura. En cambio, o espectáculo destes homes de negocios que estes días vemos entrando e saín do nos xulgados, acusados de estafar presuntamente miles de millóns de pesetas, carece de calquera valor humano, nin sequera o pequeno risco que se pode esconder detrás dunha escapada. Eses sorrisos inexpresivos e brancos que lles vemos na televisión son a imaxe trivial da vulgaridade máis cínica.

Esta columna publicouse orixinalmente o 20 de outubro de 1994.