La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai anos, alá pola década dos cincuenta, había en Barcelona un restaurante que se chamaba “A lo loco” e que consistía en que, se un pedía unha sopa, por exemplo, servíanlle unha tortilla ou un prato de garavanzos. O dono era un médico golfo que se propuxo gañar unhas pesetas a conta da xente que se quería divertir daquela maneira. Creo que o negocio lle empezou a ir mal o día que a un caradura simpático se lle ocorreu pagar cun botón. A primeira vez, o propietario deulle a volta, pero finalmente tivo que pechar.

En Asturias acaban de abrir un restaurante latino baseado nas recomendacións de Apicio. Para que os lectores se imaxinen o que se pode comer nese lugar, reproduzo a receita que o famoso cociñeiro romano chama tripa embutida e que consiste nunha mestura de carne de porco, sesos, ovos crudos, piñóns e pementa, regado con garum.

O garum, que se pode probar en Tréveris, é unha salsa horrible feita con peixe mazado. Non acaba aí a cousa, pois no citado restaurante hai que comer en triclinio, é dicir, medio deitado, coa parte superior do corpo descansando sobre un cóbado. Por se fose pouco, o viño estará bautizado con auga de mar e, aínda que non se di nada do pan, temo que sexa o célebre pan de Piceno, que os romanos mesturaban con terra. Supoño que a quen se atreva a probar, daranlle cinco mil pesos ao saír. Ou unha indulxencia plenaria.

Esta columna publicouse orixinalmente o 19 de outubro de 1996.