La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Agora mesmo, cando escribo este artigo, estou nun despacho de Televisión Española en Galicia, que me prestaron para que fixese os meus deberes do día. Van ser as oito da noite e non queda moito tempo para enviar o traballo ao periódico, por máis que a informática faga o milagre de resolver o problema da transmisión nuns poucos segundos. Escuso dicir que eu, disto dos ordenadores, non entendo absolutamente nada. Só sei que se lle dou a  determinadas teclas, seguindo unha secuencia establecida, estas liñas que eu escribo na pantalla aparecen ao día seguinte neste  recuncho do periódico. Torrente Balleste dicía que hai unha bruxa dentro.

Estou na televisión para unha entrevista. Hai uns minutos, os responsables do programa explicáronme en que vai consistir a cousa, máis ou menos, pois polo ton un pouco coñón en que se expresaron, sospeito que me van facer algunha pequena xudiada. Como estará feita con boa fe, incluso de maneira cariñosa, non me importa. Despois de todo, a solemnidade non casa nin comigo nin coa televisión.

Das preguntas, só sei que unha delas vai versar sobre o gato Samuel. A verdade é que non sei que contar del, pois ultimamente non ten feito nada especial. Dorme moito, caza de cando en vez ratos pequeniños no xardín, que despois nos deixa de mostra na porta da casa, para que vexamos que traballa; segue botándose nos sofás, entra de noite, en silencio, no cuarto, buscando un sitio na cama, e pouco máis. O peor que se pode contar é que come como un animal: non para. Cada media hora, está pedindo. Eu creo que depende da comida que lle mercamos ultimamente, que debe ser moi rica. Se eu fose tan lambonciño coma el, ata me atrevería a probala.

Esta columna publicouse orixinalmente o 15 de setembro de 1999.