La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Eses africanos famentos que atravesan o Estreito con perigo para vir recoller as farangullas que nos sobran aos demais, tráenme á memoria un episodio sucedido hai anos nas terras da Limia, concretamente na parroquia de Sabucedo, onde un tío meu exercía de médico rural. Unha mañá terrible de frío, auga e vento, ao meu tío entroulle polo patio adiante unha grea fantasmal de homes mollados e aterecidos, con barba de días, moitos deles enfermos e con febre, e todos cheos de fame e miseria.

Eran portugueses que ían camiño de Francia. Un negreiro tiña comerciado con eles. Despois de cobrarlles un anticipo, tróuxoos dando tombos e voltas polos montes, camiñando en forma de ese ou zigzag, para que pensasen que a ruta era longa, pero sen avantar máis de doce quilómetros en varios días. Finalmente, situounos fronte ao canal de desaugue da Lagoa de Antela e díxolles que Francia estaba do outro lado.

Un bicho sen alma como este que mandaba aqueles portugueses a unha morte segura, dada a forza das augas do canal naqueles días de natureza desbordada, está sempre detrás de cada grupiño destes africanos que colle a Policía española ou que naufragan antes de chegar á terra soñada. Sempre a miseria duns lles serve a outros para gañar uns cartos. Son diñeiros podres, horrible calderilla acuñada no inferno, pura moeda de Satanás. Oxalá a teñan que gastar en medicinas.

Esta columna publicouse orixinalmente o 28 de agosto de 1992.