La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte falei aquí do negocio das reliquias que organizou a Mafia alá polos anos sesenta. O que poucas persoas saben é que houbo un mosteiro na localidade italiana de Mazzarino no que os frades eran todos mafiosos. A cousa descubriuse cando un paisano do lugar, chamado Angelo Cannada, denunciou os relixiosos porque lle pedían varios millóns de liras. O home, que debía ser bastante testalán, nin siquera cedeu diante do prior, que acudiu a entrevistarse con el. Aos poucos días liquidárono a tiros.

O prior, o padre Carmelo, un vello malvado, non se deu por vencido e seguiu negociando o cobro coa viúva, que só aceptou pagar unha cantidade millonaria cando a ameazou con matarlle o fillo que tiña. Un comisario valente conseguiu desenmascarar aos monxes, que en 1963 foron condenados a trece anos de cárcere.

Non sei máis desta historia, excepto algúns detalles que non resultará difícil imaxinar. Xa se sabe: orxías nocturnas no convento, material pornográfico… Parece que o menos malo daquela pandilla de senvergonzas era o irmán Guglielmo, que tiña unha paixón primitiva pero inocente: pasaba as noites disparándolle ás estrelas cunha metralleta desde a fiestra do seu cuarto. A non ser que detrás desa práctica de aparencia infantil houbese algo máis: tratar de pegarlle un tiro na cabeza ao mesmísimo Deus.

Esta columna publicouse orixinalmente o 18 de agosto de 1996.