La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

A figura xigantesca de Valle-Inclán ten sido sepultada moitas veces debaixo dunha morea de anécdotas que con frecuencia enterran tamén unha boa parte de seu inmenso talento de escritor. Algunhas son irrelevantes e carecen de interese, pero outras, aínda que teñan todo o aspecto de seren apócrifas, parecen dignas do personaxe e van configurando a imaxe fantástica dun espírito excepcional. Que sexa certo ou non que dixo ou fixo tal cousa, non importa xa. Valle-Inclán, como moitos privilexiados pola fortuna, está formado pola súa figura histórica e máis a lenda que se vai constuíndo arredor del.

Non parece certo aquelo que se conta dun paseo de Valle-Inclán e Juan Ramón polo Retiro, cando o poeta lle preguntou ao prosista polo nome dun determinado arbusto e aquel dixo: «Ezros zon loz rododendroz de que habla uzted tanto en zuz poemaz». Probablemente se trata dun invento, entre outras cousas poorque Juan Ramón non fala tanto dos rododendros. A anécdota, sen embargo traduce bastante ben a agudeza intelixencia de Valle e o seu espírito crítico, aínda que un crítico moderno estaría máis perto dunha literatura que fala do que non sabe que daquela que só pode falar da experiencia.

Pero Valle tamén foi vítima do inxenio dos demáis, como resulta lóxico, aínda que quizais non demasiadas veces. Eu mesmo lle oín contar a Fermín Penzol que cando el era mozo galeguista e facía tertulia con outros compañeiros en Madrid antes da guerra, un día, ao escoitalos falar en galego no café «La Granja del Henar», o escritor achegouse a eles e preguntoulles con interés e inocencia se eran portugueses. Fermí, a quen lle sobraban intelixencia e ironía, contestoulle rápido e maligno decindo que sí. Valle quixo entón saber de que parte e a resposta chegoulle desta vez no celofán da mortificación: «de Pontevedra».

Esta columna publicouse orixinalmente o 11 de agosto de 1991.