La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Como é sabido, Sherlock Holmes basea todo o éxito das indagacións na súa extraordinaria capacidade dedutiva. Naturalmente, téñense feito bromas e caricaturas sobre esta habilidade do detective para chegar a conclusións definitivas a partir de feitos insignificantes, un talento que sempre provoca o asombro do doutor Watson. Precisamente unha das historias apócrifas sitúa a este diante do seu amigo, que o recibe coa seguinte frase: “Vexo, Watson, que leva hoxe calzóns de flanela”. marabillado, o médico quere saber como Holmes o averiguou. “Moi sinxelo —responde o detective—, vai vostede sen pantalóns”.

Onte, mentres tomaba café cun amigo nunha terraza de Panxón, pasou por diante de nós unha parella un pouco extravagante: ela, enorme, tanto en volume como en talle, algo así como noventa quilos de peso, robusta como un atleta e moi próxima a un noventa de estatura; el, mingurrias e afrautado, deses que lle dan dúas voltas ao cinto, pequeno na fronteira do desastre, pero estirado e posto na punta dos pés.

O meu amigo preguntoume se sabía por que casaran un home e unha muller tan desiguais. Por suposto, eu non o sabía. Entón aclaroumo el. Díxome que ambos os dous, unha por grande e voluminosa, outro por escuchimichado, quedaran solteiros na aldea porque a ningún deles lle resultaba fácil atopar acomodo. Dese xeito, pasados todos os soles por diante da porta, ao final xuntáronse necesariamente para non quedar sós. Pregunteille ao meu amigo como o sabía e respondeume: “Pura dedución”. É posible que fose así, pois non está mal pensado. Había un detalle, non obstante, capaz de pulverizar o argumento: parecían namorados.

Esta columna publicouse orixinalmente o 10 de agosto de 1997.