La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Moitas veces lle oín dicir a don Vicente Risco que Praga lle recordaba a Ribadavia. Non digo que non, pero Praga só se parece a si mesma. Pódese asegurar, sen medo a caer en ningunha clase de tópico, que esta é unha das cidades máis fermosas do mundo. Calquera rúa, praza, calquera panorámica contemplada desde as pontes que dan ao Moldava teñen unha beleza que sobrecolle e enche o corazón de entusiasmo. Resulta case un milagre que un lugar como este se salvase das distintas barbaries que se sucederon sobre o seu chan.

Onte dedicamos a mañá a pasear polo centro, aproveitando o  tempo, que está bastante bo. Vense miles de turistas, moitísimos españois, que non hai que esperar a identificalos pola fala, pois abonda escoitar como berran e observar o barullo que meten. Polo visto, algúns son pasto dos delincuentes, que ás veces se disfrazan de policías e lles piden o pasaporte para fuxir despois con el. A cidade, sen embargo, parece tranquila e segura. En todo caso, é tan bonita que merecería a pena incluso pasar un pequeno susto.

Esta columna publicouse orixinalmente o 8 de agosto de 2000.