La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O luns pola tarde estiven na Coruña firmando libros na feira. Quedoume unha pequena frustración: non poder falar con calma, unha por unha, con todas aquelas persoas tan amables que fixeron cola durante máis dunha hora esperando que lles escribise unha dedicatoria. O que me pedía o corpo era botar unha parrafada con cada unha, non o acto frío de preguntarlles o nome e poñerlles unha frase, como se non as coñecese de nada. Demasiado pouco para o sentido amigable que supuña por parte delas.

Nestes actos, a xente compórtase de maneiras moi diferentes, desde os que se limitan a poñer o libro diante, ata aqueles que inician unha breve conversa ou din algunha cousa simpática. Unha señora, por exemplo, recordando unha historia que contei aquí a propósito de Gonzalo Torrente Ballester, pediume unha peseta de pipas.

Tamén houbo quen me preguntou polo gato Samuel. Polo demais, foi todo moi agradable. Moitas veces, cando a un lle entra o cansazo de ter que escribir un artigo cada día, ás veces incluso no coche, mentres outro conduce, ou cando un se pregunta se non será mellor descansar unha tempada e dedicarse algo máis aos trens eléctricos ou a andar na moto, chega un día así e os ánimos fortalécense de novo. Despois de todo, a única xustificación que ten este oficio de escribir é saber que un conta con moitos amigos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 7 de agosto de 1996 .