La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O outro día coincidín no comedor dun hotel, á hora do almorzo, co seu director, que é amigo da infancia. Botamos máis de dúas horas de conversa, unha parte da cal consistiu en informacións, que el me ía dando, dos mortos que se produciron na nosa vila de Xinzo de Limia. Por fortuna, falamos tamén doutras cousas.

Eu non sabía, por exemplo, que unha vez o mordera unha cobra nos labios, mentres descansaba no campo co meu irmán, á beira do río Limia, unha tarde de pesca. O que me chamou a atención foi que o mordido se fiase tanto do seu compañeiro de aventura, que daquela só estudaba primeiro de Medicina. Por sorte, non pasou nada máis grave.

Por certo que a última vez que este amigo estivo en Xinzo escoitoulle dicir a un personaxe que coñecemos ambos os dous que ultimamente vía a Xesús Cristo pescando ras na lagoa de Antela. Polo visto, estábao contando en público, para un grupo de coñecidos, que se rían del. Non debía ser moi difícil tomarlle o pelo, porque se trata dun home xa maior. Hai anos, sería imposible, pois era moi listo.

No seu afán por facer crible o relato, o citado señor empeñábase en dar detalles moi concretos, un recurso que, como saben os novelistas, resulta imprescindible para converter en verosímil calquera fantasía. Por exemplo, dixo que Cristo ía vestido de nazareno, o cal non convenceu aos seus interlocutores. Cando xa parecía que se acabaran os recursos, despois dun longo silencio, o home engadiu: “Por certo que pescaba con vitallo”. Para quen non o saiban, o vitallo é un cebo feito da pel dunha ra, a primeira, que hai que matar cun pau. Para min, en cambio, ese dato arruína a narración: un non imaxina a Cristo matando a un animaliño desa maneira.

Esta columna publicouse orixinalmente o 6 de agosto de 1999.