La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Dicía o Epifanio, un anarquista de Sabucedo a quen lle queimaron a casa alá polos anos cincuenta, que el estaba disposto a crer no papa o día que se botase a pedir polas portas, cun saco ao lombo, vivindo da caridade. Non sabía aquel vello anticlerical que houbo un pontífice bastante parecido a iso que constituía o tal modelo de cristianismo evanxélico. Foi Celestino V, un homiño de oitenta anos que vivía no monte, entregado a duras penitencias, a quen foron buscar para elevalo á sede de San Pedro. Durou só uns meses.

Non está claro o comportamento que tivo con el o seu sucesor, Bonifacio VIII. Non é certo que o matase, como difundiron os inimigos deste último, que lle apuxeron toda clase de maldades. Está probado, iso si, que lle fixo algunhas canalladas, entre elas impedirlle regresar ao monte cando renunciou ao papado e pechalo máis tarde nun castelo.

A Bonifacio VIII, como se sabe, pegáronlle despois unha labazada que se fixo famosa. Sucedeu na localidade de Anagni, e o punto que lla deu era un xefe de bandidos, Sciarra Colonna, toda unha firma. Onte repetiuse o xesto nun festival de teatro, con Giulio Andreotti no papel do papa golpeado. O encargado de largarlle o bofetón foi o vicepresidente do Senado. Media Italia esperaba que a lapada fose de órdago. O certo é que Andreotti saíu do escenario coa cara encarnada, pero hai quen di que o viron antes fregándose cun estropallo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 5 de agosto de 1995 .