La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Unha vez cheguei á casa de don Ramón Otero Pedrayo e atopeino algo irritado, aínda que non moito, pois como saben todos os que o coñeceron, era un home tranquili, optimista, máis dado a ver a vidadesde o seu lado positivo que desde a parte contraria. Era a súa unha irritación literaria, quizais só un pretexto para encender a chispa que puña en marcha o potente motor da súa facundia inesgotable. Mentres saca unhas copas e servía el mesmo unha deliciosa augardente de guindas, iniciou un discurso preparatorio sobre a distancia que había entre a verdade histórica e a verdade posterior.

Como lle gustaba presumir de vello, aínda que en realidade tamén o era, recordouume algo que lle tiña escoitado moitas veces e que nunca me deixou de impresionar: que el coñecera a Salmerón. Tratábase do toque coqueto co que adoitaba rubricar aquela frase por el tan repetida, sobre todo nos últimos anos, de que non era máis que unha vella pantasma do século dezanove. Dicíao con orgullo, pero tamén cun leve regusto de nostalxia, pois estaba claro que nacera fóra do seu tempo, nunha época ademais na que tivo que asistir, sen poder facer nada en contra, ao derrumbe de moitas cousas que el amaba.

O motivo da aparente irritación era un artículo que acababa de ler sobre Menéndez y Pelayo, a quen o autor, arrastrado pola admiración entusiasmada que lle inspiraba o sabio español, excedíase de tal xeito no capítulo laudatorio que lle atribuía a don Marcelino cualidades das que, segundo Otero, carecía. Por exemplo, a sobriedade na bebida. Estou vendo a don Ramón cos ollos encendidos nunha maliciosa faísca de pillabán inocente, coa man temblorosa erguendo a copa larpeira ata os labios gozosos, para baixar logo a vos e dicir en tono cómplice: «Eu mesmo lle vin chimpar unha botella enteira de coñac».

Esta columna publicouse orixinalmente o 4 de agosto de 1991.