La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

En relación co artigo de onte, no que falaba dun autobús que fai a liña de Fátima a Lourdes e que se derramou nunha costa, un amigo cura faime un leve reproche e recórdame que en cuestión de milagres, Deus non participa en miudezas de taller mecánico, ademais de que non actúa nunca a través de causas segundas. É tamén a segunda vez que alguén me amoesta por este motivo. A primeira foi hai xa moitos anos, cando o meu confesor me rifou porque lle pedira a Deus que me axudase a gañar un partido de fútbol.

A bronca non serviu de moito, porque nin con esas conseguín librarme da idea de que os milagres que máis me interesan son os pequenos, é dicir, atopar as chaves, acender o coche polas mañás ou sandar unha dor de cabeza sen pastillas para poder acudir a unha cea. Tampouco se trata de meter en apuros aos santos.

Por certo que un tío meu, que foi cura moitos anos na parroquia de Beiro, a mesma que rexentara Basilio Álvarez, atreveuse un día a celebrar unha novena a santo Antón, encargada por algunhas velliñas do lugar, lucindo unhas verrugas escandalosas na man dereita. Unha das devotas foino ver á sacristía para dicirlle que non estaba ben que el tivese aquel mal que elas pretendían curar coa axuda do santo e que debía rezar con máis fervor para que lle pasasen. A cousa era tan razoable que santo Antón lle botou unha man.

Esta columna publicouse orixinalmente o 20  de xullo de 1994 .