La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Na campaña para o referendo sobre a restauración da monarquía no Brasil, que se vai celebrar o próximo mércores naquel país, un periodista chamado Mário Lemercier, partidario exaltado e devoto do réxime republicano, dedicouse a airear na prensa os líos amorosos en que teñen andado metidos os monarcas de medio mundo ao longo da historia. Aínda que resulta dubidoso que un argumento desa natureza poida ter éxito de ningún tipo na terra do Carnaval, as reportaxes do citado xornalista incrementaron de forma rotunda as vendas do seu periódico.

Un dos exemplos máis crudamente utilizados polo periodista na súa campaña, quizais debido á súa ascendencia belga, foi a figura do rei Leopoldo II de Bélxica, de quen se dixo, parece que con fundamento seguro, que foi amante durante moitos anos da famosa bailarina Cléo de Merode. Agora ben, dese feito pódese tirar a conclusión de que o rei era un golfo, nunca que fose parvo, como pretende o autor da reportaxe.

Ignoro se Mário Lemercier coñece unha anécdota que o novelista James Joyce contaba nas tertulias cos amigos precisamente sobre o citado rei e os amores coa bailarina. En caso de coñecela, resulta evidente que non a ía contar, pois volveríase contra os seus propósitos. Nunha ocasión, o arcebispo de Bruselas foi ver o monarca para queixarse polo escándalo e afearlle a súa conduta irregular. Leopoldo II, sen perder a compostura, retrucoulle: “Non faga caso. Tamén me dixeron a min que Ilustrísima tiña amores cunha dama e, así e todo, eu non o crin”.

Esta columna publicouse orixinalmente o 19 de abril de 1993.