La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Recordo moi ben a cara de desencanto que puxo un amigo meu, bo cazador e dente entusiasmado, algo lambón, unha noite que iamos comer nun bar de Xinzo de Limia unhas perdices acabadas de cobrar. No momento en que xa estabamos sentados á mesa, un dos presentes recordou que era día de vixilia e que non se podía comer carne, un precepto que daquela se tomaba en serio, sobre todo por parte das persoas devotas, como era o caso do citado cazador. Escuso describir a tristeza que se lle pintou no rostro.

Aínda que a maior parte dos comensais estaban dispostos a non deixar escapar as perdices, o mencionado pediu respecto para a norma e propuxo substituír o banquete por unha cea a base de peixe. No transcurso da desputa que se montou, alguén atopou a solución: abondaba con agardar cinco minutos; ás doce era xa outro día.

Leo agora unha reportaxe na que se fala das colas que se organizan nos lavabos dos avións occidentais no momento en que penetran no espazo aéreo iraní: unha ringleira de mulleres loiras, cos labios pintados e preciosos panos de seda, en poucos minutos transfórmanse nunhas señoras vestidas de loito, con roupas folgadas, cara limpa e sen potingues, co rostro tapado.  Como no caso das perdices, iso de ir ao ceo non parece cousa demasiado complicada: esperar que dean as doce ou cambiar de roupa no lavabo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 7 de abril de 1995.