La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Unha vez oín dicir que o amor é como un tobogán, que empeza nunha especie de delirio e que nunca se sabe como acaba. Non me parece unha boa definición. Digo isto porque esa explosión de amor que sacode estes días os cubanos de Miami por culpa dese neno que disputan, máis que un tobogán, semella un circo: desmaios, choros, velas acendidas a todos os santos, rosarios, manifestacións, ameazas, psicólogos, xuíces, mestres, astros da televisión. Nestes momentos, non me gustaría ser neno nesa cidade do sur dos Estados Unidos. Resulta imposible que tanto amor destinado a un só rapaz deixe unha migalla para repartir entre todos os demais.

Había na miña vila un roñeta con moi mala uva que, nas tertulias do casino, cando confesaba a súa simpatía por alguén, xa se sabía que era para falar mal dos inimigos do eloxiado. Algo parecido ao que fai un famoso contertulio da radio, que empeza os eloxios da xente para rematar logo, despois dun “pero” inevitable, cunha crítica desapiadada. O amor ao neno cubano parécese moito a isto.

Non sei como non se lle ocorreu  aínda a ninguén fabricar réplicas do pequeno en pedra, tamaño candullo, en dúas versións diferentes, unha para os que aman o rapaciño desmesuradamente dun lado e outros para os que o aman fervorosamente do outro. Así, en vez de utilizar o neno real, de carne e con alma, na súa guerra, podían valerse das réplicas e lanzar cantazos uns contra os outros en campo aberto. O meniño, mentres tanto estaría tranquilo na casa, sen que lle fixesen tantas fotos, sen que rezasen tanto por el e sen que o quixesen tanto. Demasiado amor. Amar é cousa para facer de dous en dous. De mil en mil, xa non se sabe ben o que é.

Esta columna publicouse orixinalmente o 6 de abril de 2000.