La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

No meu último artigo tiven que falar de dúas señoras que ían ben «peiteadas». Aínda que nun principio escribín a palabra galega correcta, que é peiteadas, ao final preferín pecar de impureza porque me asaltou a dúbida de se algúns lectores non entenderían algo relacionado co peito. Non sería nada estraño, pois non hai moitos anos, un coñecido poeta metido a promotor e tradutor de poesía galega en Madrid, convertiu un verso que dicía «as mozas peiteábanse no río» noutro que quedou así: «las mozas se daban de pechos contra el río».

Nesto do significado dos vocábulos galegos, un nunca pode estar seguro de nada. A min, que me criei en Xinzo de Limia, onde había anduriñas a pasto, non me cabe na cabeza que haxa xente que non entenda o significado dunha palabra tan común como esta dúas compañeiras miñas de escola primaria, estando de vacacións en Palencia, un día foron interrogadas polas súas compañeiras castellanas sobre o significado da citada palabra, que aparecía nunha canción de moda. As de Xinzo non tiveron a máis pequena dúbida: «¿Anduriña? Una mujer que anda mucho».

Aínda recordo a irritación dun gobernador civil de Ourense que se sentiu indignado pola ousadía (esa foi a palabra que empregou co director do periódico onde eu escribía) exhibida nun artigo no que eu criticaba a tradución duns poemas galegos feita por un amigo del, a quen consideraba sabio. Nun deles, un vilancico de século XVI, aparecía a palabra pérola en diminutivo. Como o tradutor ignoraba que as pérolas galegas non son outra cousa que as «perlas» castellanas, acabou diciendo que o Neno Xesús choraba «cazuelitas de amor».

Esta columna publicouse orixinalmente o 5 de abril de 1989.