La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Quizais unha boa persona

Ese rapaz do que falei onte aquí, a quen lle batía todo o mundo porque era infeliz, tiña un coello na casa. Falaba con el, xogaban xuntos no cuarto e durmían na mesma cama. Iso se dicía na escola, aínda que o interesado negaba o último punto, pois servía para que os demais nenos lle gastásemos bromas inclementes. Nunha ocasión, un túzaro de orellas longas, coxo dunha perna e corazón algo avinagrado, pintou no encerado un letreiro no que dicía que o infeliz se tiña que casar co coello por forza maior.

Había na escola tamén un virulillas con aspecto de rato, lareta e periquito audaz que practicaba o deporte de saltarlle na chepa ao desventurado. Facíao cada vez que pasaba diante del. Se era no recreo, pegaba un salto e dáballe unha palmada nas costas; se estabamos na aula, actuaba con disimulo, pero facía o mesmo.

A vítima, que … Seguir leyendo

Reproches aos deputados

As persoas que viviron durante a República e que recordan as incidencias máis espectaculares da vida parlamentaria adoitan referirse con nostalxia aos xogos de enxeño e ás ocorrencias con que moitos deputados adornaban as súas intervencións nos debates das Cortes. Algúns destes floreos verbais teñen hoxe a categoría de lendas, como a réplica fulminante que un coñecido político da dereita lle deu a un colega radical que o acusou de usar calzóns con botóns de prata: “Nunca sospeitei que a súa muller fose tan indiscreta”.

Confeso que este tipo de parlamentarismo, tan produtivo para amenizar tertulias e reunións de amigos, a min nunca me impresionou. En vista do que sucedeu despois, é dicir, a guerra e as súas consecuencias, a un ocórreselle pensar que ese derroche de imaxinación e de talento sería moito máis útil se aqueles políticos espelidos o tivesen empregado en buscar solucións que evitasen a traxedia.

Despois … Seguir leyendo

Unha discusión entre amigos

O luns pola noite, como contei onte, estaban agardando por min Alfredo Bryce Echenique e Pepe Esteban. Marchamos nun coche cara ás Docas, a buscar un lugar tranquilo onde falar con calma. Aínda que atopamos un sitio excelente, a tranquilidade non foi a característica principal da nosa conversa. Bryce pasa agora por un período de non abstinencia e aos dez minutos de estarmos xuntos xa tiña convertido a reunión nun circo absurdo e disparatado, como se fose Martín Romaña, o célebre personaxe dunha das súas novelas.

Empeñouse en acusar a Pepe Esteban, amigo íntimo seu, dun acto que este non estaba disposto a aceptar, pois afectaba á súa dignidade. Todo viña dunha viaxe a Perú, na que Pepe foi visitar a nai de Alfredo por encargo do seu fillo. O resto resúmese nunha frase que se repetiu centos de veces na noite: “Vomitaste a mi mamá”.

Pepe Esteban dicía que … Seguir leyendo

Todo corazón

Cando eu estudaba en Santiago, alá polos anos sesenta, compartía o cuarto cun rapaz simpático e aloucado, todo corazón. Era iso que se chama un cacho de pan, pero un pouco fervello e falador, capaz de manter catro ou cinco conversacións ao mesmo tempo. Por un nada picaba de cháchara coa primeira persoa que atopaba na rúa, aínda que non a coñecese, e cinco minutos despois quedaban amigos. Gustáballe facer favores e ofrecíase a comprar os periódicos, mercar tabaco ou ir botar unha carta a correos.

Un día que fomos a Cuntis, logo dunha recente nevada, metéuselle na cabeza que eu estaba morrendo de frío, o cal non era certo, e pretendía prestarme o suéter que el levaba para que o puxese por riba do meu. Custoume librarme daquel agobio, pero non conseguín evitar que me preguntase cen veces se me sentía ben.

Atopámonos o outro día nun hotel, despois … Seguir leyendo

Milagre en Xeorxia

Nunha pequena vila americana de pouco máis de cinco mil habitantes, no estado de Xeorxia, xusto na metade dun prado onde antes pacían as vacas dun granxeiro, a Virxe María aparecéuselle a unha enfermeira de corenta anos. O día 13 de cada mes, aniversario do acontecemento, unha multitude de xentes chegadas de todo o país acércanse ao lugar para asistir de preto ao prodixio. Unha parte moi considerable son enfermos desafiuzados que acoden en busca dun remedio que a ciencia, penúltimo recurso, xa non lles pode dar.

Naturalmente, entre todos estes peregrinos, ademais de eivados e crentes, hai tamén unha alta porcentaxe de curiosos. Cando a vidente anuncia por un altofalante que a Virxe María está descendendo desde o alto do ceo, de súpeto miles de cámaras enfocan cara ao firmamento e durante varios minutos póñense a filmar ou a facer foto tras foto na mesma dirección en que miran … Seguir leyendo