La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Don Ramón Otero Pedrayo contaba ás veces que cando eran nenos el e Vicente Risco, as galiñas da casa de Trasalba tirábanse aos ollos deste último porque pensaban que eran figos. Non é frecuente, non obstante, que as pitas se comporten dunha maneira tan agresiva. En xeral, os problemas cos animais domésticos empezan cos cans, que son os que máis atacan a xente. Todos coñecemos casos de persoas asustadas ou mordidas por eles. Despois veñen os bois e as vacas, que son moito máis perigosos.

A un irmán meu, cando tiña tres anos, escornouno a vaca Barrosa, que lle meteu máis de trinta cornadas, ningunha mortal, afortunadamente. Menos sorte tivo un veciño dunha aldea  próxima, que morreu co corazón partido en dous por un touro semental. Os porcos tamén teñen feito algunhas barbaridades, sobre todo cos rapaces.

Falando destas cousas, un amigo contounos onte a un grupo de compañeiros que el foi atacado por unha ovella en Ponferrada:  un ataque implacable e reiterado, en plena rúa, que lle deixou as pernas feitas unha calamidade. A todos nos deu a risa, pois é o último animal que un imaxina que pode facer estas cousas. Claro que en punto de desgrazas, danse as circunstancias máis estrañas. Eu coñecín un deputado que tivo un accidente de coche, caeu nun charco e apañou unha gripe.

Esta columna publicouse orixinalmente o 16 de marzo de 1996.