La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Un tío meu, cura de relumbrón, que fixo a fazaña ata agora non igualada de sacar matrícula de honor en todas as asignaturas nos doce cursos que duraba a carreira, dicía que o que menos lle gustaba dos curas que chegaban a bispos era que de repente se fixeran tan solemnes. Sexa certo ou non, e a verdade é que dos tres ou catro bispos que eu tiven ocasión de tratar resultaron ser bastante sinxelos, esta tendencia á solemnidade está moi estendida, incluso entre a xente normal, cando chegan a un cargo de responsabilidade.

Non sei por que o primeiro cambio que se lles nota é a maneira de falar, da que desterran a sinxeleza, como se tivesen medo a que os considerasen pouco serios. Con frecuencia tamén cambia o timbre fónico. Un compañeiro meu de estudos, a quen sempre tiven por boa persoa, competente e nada afectado, atopeino un día convertido en xuíz hierático, distante e subido, cunha voz tan escandalosamente impostada que ao principio pensei se tería algún problema na gorxa. Despois decateime de que era cousa do cargo.

Durante os catro anos que fun deputado, un amigo meu estivo empelado en obrigarme a cambiar de coche, co argumento de que aquela deliciosa carrilana na que andaba dun lado para outro non se correspondía coa dignidade do cargo que ostentaba. Incapaz de comprender a miña falta absoluta de sensibilidade para este tipo de cuestións, atribuía o meu deinterese polos seus argumenos a pura inconsciencia. Sospeito que un día que tiñamos que asistir a un xantar no que el ía facerun negocio, me puxo unha disculpa para non  ir comigo porque lle daba vergonza que o viran chegar nun coche tan inapropiado.

Esta columna publicouse orixinalmente o 13 de marzo de 1990.