La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Con poucas persoas discutín eu máis na miña vida que co meu tío Xosé, o abade de Beiro, de quen falei onte aquí. A pesar do cariño que nos profesabamos, a figura de Franco non nos permitía falar dúas palabras seguidas sobre el sen que nos puxésemos a disputar duramente. Para o meu tío, o xeneral era un ser providencial e superior. Como dixen, escribíalle poemas, que recitaban os nenos nas veladas parroquiais, xunto cuns breves sainetes en galego, tamén da súa autoría. O que estes tiñan de graza, convertíase naqueles en rebumbio e fanfarria.

Aínda recordo un que empezaba dicindo: “Salve, Caudillo invicto de la Nueva Reconquista”. Nunca entendín como un home tan intelixente podía pensar daquela maneira. Porque a intelixencia era excepcional. Lémbrome con moito orgullo dun día no que o cardeal Quiroga Palacios, nunha visita que lle fixen, precisamente de parte do meu tío, díxome: “Tiña o mellor expediente académico do mundo. El e o seu irmán, o teu tío Faustino”.

Despois da miña sorpresa, que o cardeal calculara, sen dúbida, para causar un efecto maior, aclaroume: “Os dous sacaron matrícula de honor en todas as asignaturas desde o primeiro curso ata o último, durante doce anos. Alguén poderá igualalos, pero nunca superalos. Por iso digo que tiñan o mellor expediente académico do mundo”. Era certo. Iso non quitou para que o meu tío, como digo, cando falaba de Franco, deixase aparcada a súa intelixencia e se puxese a pensar co sistema glandular. Tiña motivos. Durante a guerra, quixérano matar só por ser crego, non por outra cousa, porque se trataba dun home de ben. Xamais o entendeu. A intelixencia case nunca é máis poderosa que o corazón.

Esta columna publicouse orixinalmente o 10 de marzo de 2000.