La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Unha vez, no hotel Rossía de Moscova coñecín un americano medio tolo que estaba obsesionado con visitar o despacho de Lenin, no interior do Kremlin. Fose polo que fose, as  autoridades dábanlle largas e o home andaba desesperado porque se lle acababan as vacacións e non podía cumprir cun obxectivo que para el era moi importante, relacionado con non sei que estudosde tipo académico. O curioso é que o señor aquel, en cambio, negábase a ver a momia do político bolxevique, porque o odiaba.

Do despacho de Lenin tense falado moito, sobre todo da figura dun mono que aquel tiña sobre a mesa. Coñécense menos outros datos, pero é certo que o revolucionario, como todos os homes duros, gardaba na alma algunhas debilidades poéticas. Por exemplo, el mesmo se encargaba de regar todos os días as plantas.

Agora, Ieltsin vai ocupar de novo aquel despacho, que foi amplamente modificado, sobre todo polo que respecta á austeridade. As debilidades deste home, ao contrario daquel outro, pican polo lado do exceso, non pola parte do rigor ou da pobreza. Gústalle o vodka, ama o luxo e vese feliz rodeado polos fastos do poder. En boa lóxica debía ser un home tranquilo,  comprensivo e flexible, como o son, en xeral, os vividores. Non obstante, tamén é cruel. Entre os vicios dun e as virtudes do outro, tropeza a vida da xente.

Esta columna publicouse orixinalmente o 3 de febreiro de 1996.