La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

A última vez que estiven en Nova York, hai un par de meses, uns amigos leváronme a cear a un coñecido restaurante en Broadway, famoso por un cuarto acristalado que ten na entrada, onde se ven varios miles de quilos de carne colocados en andeis, como se aquilo fose unha biblioteca, e polos centos de fotos de personaxes coñecidos que adornan as paredes do comedor. Eu ía contento, como é lóxico, pero cunha pequena inquietude: que non me deixasen fumar tranquilo e a gusto ese puriño glorioso á hora do café.

Aquel mesmo día xa tivera problemas despois de xantar: non lonxe de alí, nun restaurante próximo a Times Square, un camareiro loiro e ríxido negárame de maneira categórica, aínda que moi educada, permiso para acender un puro. Non fora a única vez; en Nova York, onde agora van prohibir fumar ao aire libre, as normas son así.

Entrei, polo tanto, cun lixeiro temor no restaurante elixido polos meus amigos. Nada máis sentarnos, mirei arredor e decateime de que ninguén fumaba. Cando rematamos a cea e pedimos os cafés, coloquei con disimulo un puro pequeno por riba da mesa. Despois púxenme a xogar con el, sen acendelo, mentres o camareiro me miraba atentamente. Nun momento fíxome unha chiscadela co ollo, invitándome a saltarme a norma, pero pedíndome prudencia cun aceno da man. Logo achegouse a falarme; naturalmente, era italiano.

Esta columna publicouse orixinalmente o 13 de xaneiro de 1995.