La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai anos que cambiei a paixón da lectura de novelas pola paixón da lectura de libros de ciencia, sobre todo de física e bioloxía. Nunca, desde os lonxanos tempos en que pensaba que non cabía maior goce intelectual que a lectura dos grandes novelistas euopeos do século XIX, tiña sentido tanto pracer lendo como agora. Como consecuencia de todo esto, resúltame difícil de comprender que a gran revolución que se está producindo no coñecemento da realidade física e no coñecemento do home e da vida podan ser ignorados dunha maneira tan xeneralizada por eso que chamamos o mundo intelectual.

Ignorar a estas alturas os grandes paradoxos da física cuántica, por exemplo, resulta tan incomprensible como que no tempo en que vivimos alguén non saiba que a Terra dé voltas ao redor  do Sol, como parece que ocorre  cunha considerable porcentaxe de poboación, segundo ven de revelar unha enquisa realizada ai pouco nos Estados Unidos. O que a física nos di hoxe, se fose coñecido, despertaría non poucas inquietudes intelectuais en persoas que aínda pensan, con seguirdade absoluta, nun mundo rexido pola mecánica de Newton.

Resulta que Deus xoga aos dados moito máis di que Einstein se figuraba nun tempo aínda non moi lonxano. En relación cun paradoxo que hoxe leva a primeira letra do apelido do ilustre sabiio xudeu xunto coa do seus colegas Podolsky e Rosen (EPR), un físico francés, Alain Aspect, en 1982 realizaou un xa famosísimo experimento que traducido a unha linguaxe comprensible ven a situarnos diante destas dúas posibilidades: ou a realidade obxectiva non existe ou é posible comunicarse co pasado e o futuro a unha velocidade superior á da luz. Hay que elixir.

Esta columna publicouse orixinalmente o 11 de decembro de 1992.