La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Pasei unha parte do domingo lendo no Diario de Samuel Pepys, á procura de datos para un traballo que teño que facer por encargo. Xa falei aquí da devoción que sinto por esta obra, que lamentablemente nunca foi traducida ao español, supoño que pola súa enorme extensión. Hai anos, en Nova York atopei nunha librería de vello unha edición fermosísima, en vinte volumes, con ilustracións e magnificamente encadernada, que decidín mercar. Cando xa ía pagar, a señora encargada da caixa díxome que o prezo da obra estaba mal marcado e que valía o dobre do que alí puña, que xa era bastante. Por suposto, quedei sen ela.

A edición que agora manexo é moito máis modesta, pero non importa, porque contén o mesmo que a outra. O que andei buscando foron datos referentes aos fins de ano, pois o artigo que me pediron trata do que escribiron nesas datas, nos seus respectivos diarios, unha serie de personaxes famosas que foron anotando o que lles pasaba día a día.

Levei unha pequena decepción. Resulta que Pepys, sempre tan detallista, que coñece perfectamente todos os cotilleos de Londres, incluso os que se refiren ao Palacio Real, pasou os últimos días do ano botando contas sobre a súa economía e dando grazas a Deus por gozar de boa saúde, tanto el como os seus, e de que cada ano gañaba máis diñeiro que o anterior, aínda que non sempre o administraba ben. Só dúas pequenas mostras de interese: unha, o 31 de decembro de 1664, que lle deu un bico á súa muller cando soou o reloxo e lle felicitou o ano novo. A outra, na mesma data, pero en 1660, que lle regalaron un gato porque nos últimos tempos tivera moitos problemas cos ratos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 10 de xaneiro de 2000.