La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Cando Albert Pierrepoint solicitou praza de verdugo en Inglaterra alá polos anos corenta, tivo que competir con moitos aspirantes, entre eles un individuo que aducía como mérito principal as prácticas que fixera con bonecos de trapo, así como un mozo de trinta anos que se ofrecía a aforcar a dous homes gratis. A Albert, non obstante, non lle resultou difícil facerse co  emprego. Primeiro, porque este fora desempeñado por membros da súa familia desde había anos e, segundo, porque xa lle tiña axudado no oficio a un tío seu.

Por esa razón, á hora de redactar a folla coa solicitude da vacante, Albert limitouse a dicir que pretendía realizar un traballo do que se sentía orgulloso por razóns familiares e que ademais tiña a vantaxe de que permitía viaxar por todo o país sen ter que pagar nada. Cando se xubilou, liquidara a máis de cincocentas persoas.

Albert Pierrepoint, segundo escribiu nas súas memorias, estaba en contra da pena de morte, da que dixo que non servía para nada, por máis que a el lle servise para facer turismo e gañar a vida sen demasiado esforzo. Como ese profesor universitario de Madrid que escribiu un libro de texto no que asegura que os negros son inferiores aos brancos e que os asiáticos son lentos, torpes e carecen de imaxinación, e que, a pesar de todo, non se sente racista. Por suposto, pois en caso contrario habería que dubidar da súa intelixencia.

Esta columna publicouse orixinalmente o 6 de decembro de 1997.