La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Houbo unha época no Irán, despois de que Jomeini subise ao poder, en que os gardas da revolución se situaban nas portas dos urinarios públicos para observar os zapatos dos homes que saían de utilizalos. Se levaban algunha pinga ou salpicadura, iso quería dicir que orinaban de pé, segundo o costume occidental, e non agachados, como manda o Corán. Os infractores eran detidos. Por esta razón estivo preso un amigo meu, iraniano de nacemento, pero educado en Francia, onde estudou o bacharelato e máis tarde arquitectura.

Oírlle contar o interrogatorio ao que foi sometido parécese moito a escoitar unha historia contada por un tolo, sen lóxica nin sentido, pero aterradora. Dun acto puramente mecánico, é dicir, mexar de pé como sempre o fixera, derivábanse unhas consecuencias que podían ser gravísimas: os gardas querían saber cales foran os contactos que o meu amigo mantivera ata entón coa embaixada americana.

Agora mesmo, moitos anos despois do episodio en que se viu envolto o meu amigo, os periódicos falan sorprendidos dunha señora arxentina que no Irán se atreve a ir pola rúa sen o velo preceptivo para as mulleres e vestida con saia curta, desafiando de maneira provocadora a autoridade dos curas que mandan no país. O asunto é tan insólito que se converteu en noticia internacional.

Esta columna publicouse orixinalmente o 5 de xaneiro de 1993.