La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai uns anos, en Ourense alguén tivo no Concello a boa idea de converter en rúa peatonal a antiga calle del Paseo. Foi unha decisión semellante a outras que se tomaron pola mesma época en distintas cidades de Galicia, cando a xente empezou a viaxar por Europa adiante e descubriu que era unha marabilla poder librarse do tráfico para pasear polo medio e medio das rúas sen perigo de ser atropelado por un coche ou multado por un garda urbano. A decisión, sen embargo, no foi acollida con unanimidade e houbo algunhas resistencias, non demasiadas, por certo, pero moi alborotadas e a miúdo bastante teatrais.

A máis soada apareceu nos periódicos, cando un comerciante da rama do calzado, que ademais era concelleiro, se mal non recordo, convocou á prensa para destruír a primeira pedra. O acto consistiu en coller un pico, dar un par de golpes sobre as lousas recén colocadas e amosar así o desgusto pola obra que se ía acometer, que o citado industrial entendía que ía ser un desastre e que acabaría prexudicando gravemente o comercio local.

Sucedeu exactamente o contrario. Ignoro qué pensará agora aquel señor, tantos anos despois, cando quedou demostrado que non tiña razón. Acordeime del onte, ó ver na televisión a un inglés indignado co euro, que queimou publicamente, mentres dicía algunhas bobadas con moito empaque e anunciou non sei qué catástrofes económicas para o futuro do Reino Unido se algún día se lle ocorría adoptar a nova moeda. Había unha diferencia, sen embargo, entre o comerciante ourensán e o inglés rabudo. Aquel parecía unha persoa normal. Este, en cambio, tiña unha pinta lamentable. Entre Ourense e Londres aínda hai algunhas diferencias.

Esta columna publicouse orixinalmente o 4 de xaneiro de 2002.